luns, 30 de maio de 2022

Dicionario Malpicán

Leer más publicaciones en Calaméo

Presentamos o segundo produto final, despois da exposición de fotografías de Malpica, derivado do PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL!: Dicionario Malpicán.

Palabras e expresións propias da nosa pequena comunidade recollidas grazas á colaboración das familias e redactadas polo alumnado, conformando un libro de produción propia que ocupará o número 4 da CDU da nosa Biblio: producións propias.

Agradecemos a colaboración de tod@s para producir, un curso máis, un produto noso, moi noso.

mércores, 25 de maio de 2022

O rueiro dos retos!

Pechamos o curso dinamizando un xogo de retos elaborado polo equipo Tecnolóxico, en colaboración con outros equipos, e relacionado co noso PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL!

Xogo para realizar co alumnado ou en familia, percorrendo as rúas de Malpica na busca da solución a cada reto proposto. 

A finais de curso publicaremos as solucións de todos eles.

A investigar, informarse para dar coa resposta. Facilitamos...

Diversión garantizada, observación e curiosidade en acción!

mércores, 18 de maio de 2022

Exposición: Valorando

Exposicion 3ºT: valorando

A última exposición do curso 2021-22, Valorando, recolle exemplares relacionados coa proposta de actividades trimestral en relación co PDI NÓS.

Exposición que pon o acento na importancia de valorar as nosas tradicións, as nosas raíces: culturais, escritas, lúdicas... para construír comunidades sustentables e con identidade.

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da exposición.

O vindeiro curso seguiremos dinamizando, divulgando máis cultura e lectura.

Plantando árbores con pinceis

Mural exterior Navegamos XUNT@S!

A pasada semana tivemos dous talleres, a través da fundación Abanca, que levan o título "Plantando árbores con pinceis", que mestura cultura, creatividade e coidado do medio ambiente a través da realización dun mural artístico colaborativo e ecolóxico e uns talleres de pintado de bolsas de tea con pinturas fotocatalíticas anticontaminación, que absorben o CO2 do ambiente.

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria elaborou este precioso mural que agora preside a entrada do noso centro, cunha serea Leo moi moderna e co Faro de Punta Nariga ao seu lado.

O alumnado de 2º, 3º e 4º de Educación Primaria pintaron cada un a súa bolsa tea, cuns deseños moi orixinaris e persoais. Podedes ver todas as fotos da xornada premendo no seguinte enlace: plantando árbores con pinceis.











martes, 17 de maio de 2022

Letras Galegas: Malpica, a nosa vila

Presentamos, en formato audiovisual, o produto final creado por tod@s no noso Mes das Letras, conmemorando o Día das Letras Galegas en relación co PDI do presente curso.

A exposición de fotografías cedidas por Xurxo Alfeirán Chouciño e que titulamos Malpica, a nosa vila, motivou as creacións poéticas de cada grupo-clase.

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da exposición.

Exposición Malpica, a nosa vila











Felicitar a alumnado e profesorado polas producións propias creadas con sentimento. Versos que debuxan a Malpica que foi, que é e que sempre será: a nosa vila, terra de vida!

Feliz Día das Letras Galegas a tod@s, hoxe e todos os días do ano!




luns, 16 de maio de 2022

4ºEP_Mes das Letras 2022

Presentamos, en formato audiovisual, a Tarefa Integrada "Malpica, a nosa vila" que desenvolvemos a través do Laboratorio Documental: investigando, informándonos, creando, comunicando.

O noso Mes das Letras 2022 permitiunos integrar a proposta de actividades do PDI de centro co Día das Letras Galegas, así:

  • Redactamos, grazas a investigación documental, 48 preguntas en relación coas catro iconas da CDU da nosa biblio para o xogo de produción propia do cole: E ti, de quen ves sendo?
  • Coñecemos ao autor homenaxeado pola Día das Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán.
  • Creamos a nosa propia produción escrita, Malpica infinda, adaptando o poema Galicia infinda de Florencio Delgado Gurriarán.
  • Construímos no LeoLab con tangram e lego.
  • Realizamos manualidades plásticas con figuras xeométricas, creando diversas paisaxes malpicás.
Pechamos a tarefa comunicando os produtos finais: poema para a exposición do PDI, mural de aula e podcast realizado en Radio Balea, que podedes desfrutar a continuación.

Feliz Día das Letras Galegas, hoxe e todos os días do ano!

Pechamos o mes de maio, na nosa Biblio, cunha visita que puxo o broche final ao Mes das Letras. Premer no seguinte enlace para acceder á publicación:

Visita de Xurxo Alfeirán Chouciño

venres, 13 de maio de 2022

Premiad@s: IV Concurso Podcasts-Radio na Biblio

Premio IV Concurso Podcasts-Radio na Biblio
Voltamos estar en hora boa. Se no 2º trimestre recibiamos o Sello CCB 2021, neste 3º trimestre acabamos de coñecer que fomos PREMIAD@S no...

 IV Concurso de Podcasts - Radio na Biblio

Un marabilloso produto final de produción propia, en formato regueifa, arredor da biografía de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2022.

A nosa participación na modalidade II (alumnado de 3º a 6º de Primaria) obtén como premio unha asignación extraordinaria de 1.000 € destinada, tal e como recolle a convocatoria do concurso, a melloras ou actividades relacionadas co funcionamento do laboratorio de radio, sempre vinculado á biblioteca do centro.

Premendo na imaxe accederedes a memoria e escaleta remitida ao concurso e na cal se recollen @s participantes que deron vida e personalidade malpicá a produción escrita "Unha regueifa a Don Florencio", que foi posible grazas a implicación e colaboración de Charo (nai dun alumno do centro e membro da ANPA) e do profesorado do Equipo de Radio na Biblio.

Un premio ao traballo feito EN COMUNIDADE E CON IDENTIDADE!

A desfrutar do podcast premiado, xa publicado no portal da Radio Galega, e...

Parabéns, unha vez máis, a TOD@S!

mércores, 4 de maio de 2022

Florencio Delgado Gurriarán: AS NOSAS LETRAS!

AS NOSAS LETRAS!

Presentamos a exposición AS NOSAS LETRAS! adicada ao autor elexido pola Real Academia Galega para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán.

Exposición que acolle exemplares de recente publicación, entre os que destacan títulos de Lectura Fácil (con pictogramas), así como recursos en liña a través do código QR que enlaza a páxina web da RAG, Primavera das Letras, onde se recollen outros recursos como:

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da exposición.

Asemade, elaboramos o caderno Leo anímate a... investigar! para desenvolver arredor do escritor valdeorrés e coñecer, valorar a súa escrita, a súa contribución a nosa lingua, a nosa terra.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Con Florencio Delgado Gurriarán pechamos as exposicións trimestrais adicadas a escritores/as galegos/as, que naceron, este curso, co obxectivo de dinamizar a nosa lingua, a nosa escrita.

Pechamos o noso Mes das Letras 2022 celebrando o Día das Letras Galegas co produto final de tod@s:

 Malpica, a nosa vila

Festexando as Letras Galegas, dinamizando e divulgando AS NOSAS LETRAS todos os días do ano.