Amosando publicacións coa etiqueta 1º trimestre. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1º trimestre. Amosar todas as publicacións

martes, 22 de novembro de 2022

Celtia Figueiras: Lúa quere viaxar a... Marte!

Celtia Figueiras

Premer na imaxe para acceder a máis información

Hoxe @s nen@s de E. Infantil e 1º ciclo de E. Primaria puideron desfrutar dunha actividade cultural na nosa lingua e dando tratamento á igualdade de xénero: a gatiña Lúa quere ser astronauta.

Celtia Figueiras, acompañada dos seus títeres, realizou unha marabillosa contada baseada nun libro da súa autoría: Lúa quere viaxar a... Marte!, ilustrado por Marcelo P. Fernández e editado por Guindastre (a disposición na nosa Biblio)

Agradecemos ao Consorcio Editorial Galego que siga achegándonos cultura na nosa lingua. 

xoves, 3 de novembro de 2022

Xandobela: xogando co patrimonio

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

A nosa Biblio acolleu, no día de hoxe, unha actividade cultural promovida por Xandobela, que mediante o xogo achegou ao alumnado de 1º e 2º ciclo de Educación Primaria o noso patrimonio.

Da man de Nerea, pedagoga e educadora social, coñeceron o proxecto Xogando co patrimonio e desenvolveron a actividade, participativa e lúdica, "Pegadas do noso": lendas, adiviñas, música, seres mitolóxicos...; Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.

Agradecemos proxectos como o de Xandobela, que achegan información arredor do patrimonio galego aos máis pequenos para seguir valorando e salvagardando o noso.

Grazas a Nerea polo seu bo facer e polo agasallo final: un carné de investigador-a da cultura galega para cada nen@.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Na Biblioteca Milladoiro encantounos Xandobelar (palabra collida da xerga dos canteiros que significa xogar) co patrimonio.


venres, 28 de outubro de 2022

XIII Semana das Lecturas Terroríficas

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Celebramos a XIII Semana das Lecturas Terroríficas... NA NOSA BIBLIO!

Voltamos retomar a xuntanza de tod@s, despois de dous cursos escolares, arredor de producións propias de cada grupo-clase moi, moi terroríficas.

Demos a benvida ao outono, festexando unha das nosas tradicións culturais: o Samaín (en etimoloxía gaélica significa "fin do verán") Sen perder o rumbo, seguindo o noso PDI, arredor de Galicia, para non olvidar de onde vimos e liberarse de celebracións que non nos son propias.

Premendo nos seguintes enlaces poderedes gozar das fantásticas e terroríficas actuacións de cada aula:

PARABÉNS, con maiúsculas, por tanto e tan bo: investigando, escribindo, protagonizando, interpretando, creando, contando, comunicando... Un Samaín moi noso: producións propias para valorar e salvagardar.

E rematamos a intensa semana coa... ZOMBIDANZA!

Premendo na imaxe accederedes á galería de fotos da XIII Semana das Lecturas Terroríficas.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Un peche musical de... MEDO! En próximas publicacións coñeceredes o fin do noso Samaín, ata entón

FELIZ SAMAÍN LECTOR A TOD@S!


martes, 25 de outubro de 2022

Exposición 1º trimestre: NÓS

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Presentamos a exposición do 1º trimestre que, dende a apertura da nosa BE-LeoLab (3 de outubro), está ubicada no corredor do 1º andar para dar continuidade e nutrir o noso PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL!

Exemplares de consulta, cómic, narrativa, música...; na nosa lingua e temática arredor de Galicia: historia, lendas, seres mitolóxicos, tradicións, celebracións, gastronomía... Títulos para animar á lectura, á búsqueda de información, á experimentación...; conmemorando celebracións propias da nosa cultura: o noso Samaín, que tan ben investigaron e gravaron en Radio Balea o grupo 3 do Laboratorio de Son de 2º e 3º ciclo de E. Primaria.

No día de hoxe demos inicio, despois de 2 anos sen poder celebrarse na Biblioteca, a nosa XIII Semana das Lecturas Terroríficas. Con gran emoción, por retomar a xuntanza de tod@s na nosa Biblio, gozamos coas primeiras actuacións. Actuacións de cada grupo-clase para presentar as súas producións propias e das cales daremos boa conta nunha próxima publicación.
                            Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

   Feliz Samaín, a ler sen fin!

 

luns, 17 de outubro de 2022

NÓS... tamén escribimos!

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Leo volta sorprendernos e... anímanos a mergullarnos na escrita, sendo escritoras e escritores no Milladoiro.

NÓS... tamén escribimos! será a actividade que nos unirá a tod@s, seguindo a nosa proposta de actividades e o lema elexido pola Asesoría BEGA,  coa máquina de escribir electrónica como ferramenta protagonista, a cal pasará por cada unha das aulas para crear a nosa produción propia. Premendo na imaxe accederedes aos recursos que facilitamos para seguir inFORMÁNDOSE.

Conmemoramos ao longo da semana o Día das Escritoras (17 de outubro) e o Día das Bibliotecas (24 de outubro) contando, tamén no corredor do 1º andar, co mural 18 Escritoras Galegas para pór en práctica a Formación de Usuari@s e alfabetización en información. 

Premendo na seguinte imaxe accederedes aos recursos que facilitamos para o desenvolvemento da Tarefa Integrada.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica
Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

ELAS... TAMÉN ESCRIBEN! Igualdade de xénero no ámbito da literatura, en todos os ámbitos, todos os días do ano.

martes, 4 de outubro de 2022

NÓS: proposta de actividades 1º trimestre

Publicamos a proposta de actividades que, en relación co PDI e entre tod@s, organizamos para o 1º trimestre do curso que nos ocupa.

A nova "normalidade" permítenos voltar recuperar o uso e desfrute, xunt@s, dos espazos creativos que conforman a nosa BE-LeoLab; así como a organización dos Laboratorios de Aprendizaxe e outras actividades que nos son propias.

A proposta informa e facilita recursos de interese para a posta en práctica de actividades anuais e mensuais, actividades para tod@s nas que o alumnado será protagonista das súas aprendizaxes e contando sempre coa orientación, asesoramento dos diferentes equipos creativos de traballo; así como dos espazos/recursos creativos e o apoio/acompañamento das familias para ofrecer unha educación pública e no rural de calidade na que TOD@S contamos moito e temos moito que contar: sempre, en comunidade!

A esta proposta súmanse os programas que forman parte do Plan Lector Anual 2022/23: bolsiñas e mochilas viaxeiras, Hora de Ler, Que me contas?, Hoxe le..., Educa-Tribo...

A por un trimestre descubrindo camiños pola nosa terra, investigando, lendo, escribindo, emocionándonos...

martes, 21 de decembro de 2021

Nadal en familia: tradición oral

Collage Nadal en familia_PDI NÓS

Pechamos o 1º trimestre, arredor da tradición oral, coas extraordinarias visitas familiares: avoa, nai, pai, tía, veciña...; visitas coas que demos tratamento ao noso PDI, na busca do coñecemento e valoración da nosa identidade cultural.

Premendo nos seguintes enlaces accederedes ás publicacións realizadas nos blogs ou galería de imaxes das aulas:

Agradecemos a colaboración de tod@s, que de maneira altruista nos achegaron a nosa cultura a través da oralidade, da música e o baile tradicional.

Agasallos de Nadal... adiantados!