Amosando publicacións coa etiqueta 4ºEP. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 4ºEP. Amosar todas as publicacións

luns, 28 de novembro de 2022

Premiad@s: VIII Concurso de Traballo por Proxectos

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos 

Estamos en hora boa! A aula de 4º de E. Primaria, do curso 2021/22, resultou premiada no VIII Concurso de Traballo por Proxectos.

Na modalidade de Investigación e Tratamento da Información presentaron a Tarefa Integrada desenvolta no último trimestre no Laboratorio Documental: Malpica, a nosa vila, enmarcada dentro do noso Mes das Letras 2022

Na memoria presentada recollen, ademais, os restantes laboratorios de aprendizaxe implementados ao longo do curso 2021/22 en relación co PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL!

Un curso que estivo marcado pola pandemia, con protocolos sanitarios que afectaron á natural socialización escolar; mais puideron seguir divertíndose aprendendo e sendo artífices das súas propias aprendizaxes mediante Tarefas Integradas que abarcaron diversas áreas, entre elas a área de Aprender a Investigar. Área esta que non lles era allea, dado que dende E. Infantil e 1º ciclo de E. Primaria aprenden por descubrimento: sendo, facendo, sabendo e convivindo; e sempre ao abeiro da Biblioteca Escolar-LeoLab: espazos creativos e recursos bibliográficos, dixitais, tecnolóxicos, audiovisuais... para tod@s.

No día de hoxe realizamos a entrega dos diplomas correspondentes e de dous agasallos lúdicos para compartir na aula. Un premio ao traballo feito... con corazón!

Parabéns a tod@s, unha dotación económica para tod@s: educación de calidade no rural.

sábado, 11 de xuño de 2022

4ºEP_Rueiro dos retos!

Aula 4º de PrimariaPremer na imaxe para acceder á galería de fotos

Esta semana organizamos e desenvolvemos a actividade proposta polo Equipo Tecnolóxico, en colaboración con outros equipos, e en estreita relación co PDI NÓS: Rueiro dos retos!

Organizamos a saída, no LeoLab, coñecendo cada reto e as rúas polas que investigar. Dividímonos en 2 equipos, laranxa e verde, e con tablet, mapa e táboa de recollida de solucións na man percorremos as rúas de Malpica investigando, resolvendo cada reto proposto.

Unha actividade coa que nos divertimos e descubrimos datos da nosa vila que moitos/as descoñeciamos.

RETOS CUMPRIDOS!

venres, 10 de xuño de 2022

4ºEP_Un trimestre... valorando, xogando!

Presentamos un vídeo-resumo dos valores e aprendizaxes aos que demos tratamento no último trimestre do curso: aprendendo a investigar, respectando o Medio, valorando as nosas raíces, xogando!

Dende a creación das 48 preguntas para o xogo derivado do PDI NÓS: E ti, de quen ves sendo?, ata a creación do noso propio xogo 3R con materiais de refugallo (caixas de cartón, tapóns de plástico e páxinas de libros deteriorados/expurgados) implementando o Laboratorio de Ideas.

Un trimestre no que valoramos e xogamos para seguir divertíndonos aprendendo.

luns, 16 de maio de 2022

4ºEP_Mes das Letras 2022

Presentamos, en formato audiovisual, a Tarefa Integrada "Malpica, a nosa vila" que desenvolvemos a través do Laboratorio Documental: investigando, informándonos, creando, comunicando.

O noso Mes das Letras 2022 permitiunos integrar a proposta de actividades do PDI de centro co Día das Letras Galegas, así:

  • Redactamos, grazas a investigación documental, 48 preguntas en relación coas catro iconas da CDU da nosa biblio para o xogo de produción propia do cole: E ti, de quen ves sendo?
  • Coñecemos ao autor homenaxeado pola Día das Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán.
  • Creamos a nosa propia produción escrita, Malpica infinda, adaptando o poema Galicia infinda de Florencio Delgado Gurriarán.
  • Construímos no LeoLab con tangram e lego.
  • Realizamos manualidades plásticas con figuras xeométricas, creando diversas paisaxes malpicás.
Pechamos a tarefa comunicando os produtos finais: poema para a exposición do PDI, mural de aula e podcast realizado en Radio Balea, que podedes desfrutar a continuación.

Feliz Día das Letras Galegas, hoxe e todos os días do ano!

Pechamos o mes de maio, na nosa Biblio, cunha visita que puxo o broche final ao Mes das Letras. Premer no seguinte enlace para acceder á publicación:

Visita de Xurxo Alfeirán Chouciño

xoves, 28 de outubro de 2021

4º_Lab. de cociña: doces lendas

                                     
Doces lendas é a actividade final que realizamos dentro do Laboratorio Documental como peche do mesmo, despois da saída ao cabo de San Adrián.

No laboratorio de cociña con diferentes materiais: cartolinas negras, siluetas dos seres mitolóxicos e azucre glass... creamos por equipos as nosas lendas para contar ao resto de compañeiros/as, sen borrador previo, sen correccións, tomando a palabra en directo.

No vídeo tedes un exemplo do creado e premendo no seguinte enlace accederedes ao álbum de fotos da sesión.

                                              Fotos: Doces lendas!


Unha sesión de creatividade e oratoria... moi, moi doce!