Amosando publicacións coa etiqueta exposicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta exposicións. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de outubro de 2022

Exposición 1º trimestre: NÓS

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Presentamos a exposición do 1º trimestre que, dende a apertura da nosa BE-LeoLab (3 de outubro), está ubicada no corredor do 1º andar para dar continuidade e nutrir o noso PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL!

Exemplares de consulta, cómic, narrativa, música...; na nosa lingua e temática arredor de Galicia: historia, lendas, seres mitolóxicos, tradicións, celebracións, gastronomía... Títulos para animar á lectura, á búsqueda de información, á experimentación...; conmemorando celebracións propias da nosa cultura: o noso Samaín, que tan ben investigaron e gravaron en Radio Balea o grupo 3 do Laboratorio de Son de 2º e 3º ciclo de E. Primaria.

No día de hoxe demos inicio, despois de 2 anos sen poder celebrarse na Biblioteca, a nosa XIII Semana das Lecturas Terroríficas. Con gran emoción, por retomar a xuntanza de tod@s na nosa Biblio, gozamos coas primeiras actuacións. Actuacións de cada grupo-clase para presentar as súas producións propias e das cales daremos boa conta nunha próxima publicación.
                            Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

   Feliz Samaín, a ler sen fin!

 

mércores, 18 de maio de 2022

Exposición: Valorando

Exposicion 3ºT: valorando

A última exposición do curso 2021-22, Valorando, recolle exemplares relacionados coa proposta de actividades trimestral en relación co PDI NÓS.

Exposición que pon o acento na importancia de valorar as nosas tradicións, as nosas raíces: culturais, escritas, lúdicas... para construír comunidades sustentables e con identidade.

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da exposición.

O vindeiro curso seguiremos dinamizando, divulgando máis cultura e lectura.

martes, 17 de maio de 2022

Letras Galegas: Malpica, a nosa vila

Presentamos, en formato audiovisual, o produto final creado por tod@s no noso Mes das Letras, conmemorando o Día das Letras Galegas en relación co PDI do presente curso.

A exposición de fotografías cedidas por Xurxo Alfeirán Chouciño e que titulamos Malpica, a nosa vila, motivou as creacións poéticas de cada grupo-clase.

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da exposición.

Exposición Malpica, a nosa vila











Felicitar a alumnado e profesorado polas producións propias creadas con sentimento. Versos que debuxan a Malpica que foi, que é e que sempre será: a nosa vila, terra de vida!

Feliz Día das Letras Galegas a tod@s, hoxe e todos os días do ano!




mércores, 4 de maio de 2022

Florencio Delgado Gurriarán: AS NOSAS LETRAS!

AS NOSAS LETRAS!

Presentamos a exposición AS NOSAS LETRAS! adicada ao autor elexido pola Real Academia Galega para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán.

Exposición que acolle exemplares de recente publicación, entre os que destacan títulos de Lectura Fácil (con pictogramas), así como recursos en liña a través do código QR que enlaza a páxina web da RAG, Primavera das Letras, onde se recollen outros recursos como:

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da exposición.

Asemade, elaboramos o caderno Leo anímate a... investigar! para desenvolver arredor do escritor valdeorrés e coñecer, valorar a súa escrita, a súa contribución a nosa lingua, a nosa terra.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Con Florencio Delgado Gurriarán pechamos as exposicións trimestrais adicadas a escritores/as galegos/as, que naceron, este curso, co obxectivo de dinamizar a nosa lingua, a nosa escrita.

Pechamos o noso Mes das Letras 2022 celebrando o Día das Letras Galegas co produto final de tod@s:

 Malpica, a nosa vila

Festexando as Letras Galegas, dinamizando e divulgando AS NOSAS LETRAS todos os días do ano.

luns, 7 de febreiro de 2022

Rosalía de Castro: AS NOSAS LETRAS!

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica
















Presentamos a exposición AS NOSAS LETRAS! do 2º trimestre que, como non podía ser doutro xeito, está adicada a Rosalía de Castro.

O Día de Rosalía pasa a conmemorarse o 23 de febreiro tras o descubrimento da súa data de nacemento, tal e como recolle a Xunta de Galicia na súa páxina de novas.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega vén de publicar a súa proposta de actividades para celebrar o Día da escritora (#SementadePensamentos) entre as cales destaca, dendo o ano 2010, o agasallo dun libro e unha flor.

Imaxe de www.aelg.gal

Coma cada curso escolar celebraremos o seu Día e daremos conta del.

Premendo na imaxe accederedes as fotos da exposición temática e así celebramos o seu Día, premendo no seguinte enlace:

Día de Rosalía 2022

Seguimos querendo... salvagardar o noso!

Axenda 2030


Exposición: conVIVINDO!

Exposición conVIVINDO!
Presentamos a exposición do 2º trimestre: conVIVINDO!, en relación co noso PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL! 

Exemplares diversos para o tratamento de valores/actitudes e a implementación dos laboratorios de aprendizaxe do presente trimestre.

Premendo na imaxe accederedes as fotos da exposición.

A seguir lendo, investigando, convivindo!

Axenda 2030

mércores, 15 de decembro de 2021

Xabier P. Docampo: AS NOSAS LETRAS!

Exposición AS NOSAS LETRAS!

A imaxe reflicte a exposición AS NOSAS LETRAS! que inauguramos neste 1º trimestre para dinamizar lecturas de autores/as galegos/as que é imprescindible coñecer, valorar, divulgar.

A exposición estivo adicada ao GRAN MESTRE:  Xabier P. Docampo, que protagonizou a nosa proposta de actividades do 1º trimestre en relación coa oralidade, co noso PDI.

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos, entre as cales destaca a súa dedicatoria no exemplar "O misterio das badaladas" do día en que visitou o noso colexio. Un pequeno tesouro ben gardado e valorado na nosa Biblioteca.

Os grupos de 6º de Primaria, na sesión semanal Aprender a Investigar, ademais de elaborar o seu primeiro traballo documental arredor de Malpica e a Costa da Morte; finalizaron o trimestre lendo algúns dos títulos do escritor e elaborando a súa biografía, da cal daremos boa conta no 2º trimestre. 

Seguimos querendo... salvagardar o noso!

Axenda 2030


mércores, 3 de novembro de 2021

Exposición: Oralidade, berce da cultura!

Exposición temática 1º trimestre 2021/22

Presentamos a exposición do 1º trimestre: Oralidade, berce da cultura!, en relación co noso PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL! 

Espazo e mobiliario renovados grazas ao Concello que sufragou os gastos de pintura e ao orzamento PLAMBE 2021/22 para mobiliario/equipamento. Agradecemos tamén a doazón da gamela feita, no seu día, polo avó dun dos nosos alumnos.

Premendo na imaxe accederedes as fotos da exposición.

Leo posa encantada cos seus queridos libros aniñados a carón da Biblioteca ou navegando en gamela nun mar de lecturas para compartir.

A seguir lendo, investigando, contando!

Axenda 2030